Wednesday 01 de May de 2024

O Concello pobrense entrega os premios do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia machista


Isabel Soler Rivas e Columba Bello Bugallo recibiron neste 8 de febreiro os premios do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero convocado pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal.

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), acompañado de membros da corporación municipal, efectuou a entrega das distincións nun acto público realizado no salón de plenos da casa consistorial. Referíndose a esta iniciativa, o rexedor manifestou que pretende ser un canto á esperanza de que chegue o día “en que se elimine unha eiva social como é a violencia de xénero.”

A proposta Como agua, presentada por Isabel Soler, resultou a gañadora do certame. Correspóndelle, polo tanto, unha dotación económica de 3 000 euros, un diploma e a adxudicación da realización da talla por un importe máximo de 9 000 euros. Trátase dunha obra que comunica a idea de que hai saída da violencia de xénero, tal e como explicou a propia autora na exhibición da maqueta, a cal se materializará nos vindeiros meses coa súa colocación nun espazo público próximo ao mar. A peza metálica representa unha muller que sae do papel no cal está metida cara a unha auga renovadora. “Non só vai renovala a ela, tamén o espectador que se reflicte na súa imaxe”, apuntou.

Concedéuselle, ademais, un accésit a Amar, presentada por Columba Bello, razón pola cal se lle outorga unha mención de honra. Durante a súa intervención fixo fincapé na importancia “de que a arte estea na rúa, forme parte da sociedade e teña un labor pedagóxico.”

Dáselle así cumprimento ao compromiso adquirido pola Administración local para lles render unha homenaxe ás vítimas e lanzar unha mensaxe de repulsa á violencia machista baixo o formato dun certame cunha dobre óptica: artística e reivindicativa. Soledad Penalta e Aida López, recoñecidas artistas, xunto con Carolina Rodríguez e Begoña Olveira, en representación do persoal municipal do Concello, integraron o xurado.